Páxinas

segunda-feira, 17 de dezembro de 2012

O xoves 20 de decembro ás 19.30h, inauguración da exposición fotográfica "Bolboretas" de Laura Lago

O próximo xoves día 20 de decembro, ás 19.30h, terá lugar na Casa da Agraria do Rosal, a inauguración da exposición fotográfica "Bolboretas" autoría de Laura Lago.

No acto estará presente a fotógrafa, coa que realizaremos un percorrido pola exposión e nos explicará as principais características da vida das bolboretas.

Reseña de Laura Lago

Laura Lago Fernández naceu en Noia hai 39 anos. Estudou Filoloxía hispánica e Filoloxía galego-portuguesa en Santiago e pronto comezou a traballar no ensino público como profesora de Lingua castelá. O traballo tróuxoa ao Baixo Miño, onde reside dende hai uns anos.

A afección á fotografía xurdiu de maneira casual e tardía, hai cousa de seis ou sete anos, e asociada dende o comezo aos bechos. Xa coa súa primeira cámara compacta, descubriu a función macro como ferramenta para revelar todo un mundo de pequenos seres que, estando ao noso redor, pasan case sempre desapercibidos. Foi esa fascinación polo pequeno o que a levou a comprar, non moito despois, a súa primeira cámara réflex e o obxectivo macro co que actualmente segue a facer as súas fotos. Declárase totalmente autodidacta, xa que, segundo afirma, é “demasiado indisciplinada para aprender doutro xeito que non sexa ensaio-erro”.

O seu interese xeral polos insectos foise centrando especificamente nas bolboretas a medida que foi coñecendo algúns proxectos nos que podía participar aportando fotos e datos. Actualmente colabora no proxecto Bolboretas do Baixo Miño, dirixido polo entomólogo Suso Requejo, co que a asociación naturalista ANABAM pretende censar todas as bolboretas diúrnas da comarca. Colabora tamén co LEPI-ATLAS, un atlas de distribución das especies galegas no que dende hai uns anos traballan o propio Suso Requejo e o tamén entomólogo e excepcional fotógrafo Rafael Estévez.

Á parte dalgunha mostra informal nos institutos nos que ten traballado nos últimos anos, non tiña feito ata agora ningunha exposición. Publica as súas imaxes nalgunhas webs fotográficas; concretamente en Flickr, onde é unha das administradoras do grupo "Bolboretas Galegas", e en "Mirada Natural".

Recentemente algunhas das súas fotos veñen de ser incluídas no libro "Mariposas por la vida", unha guía visual de todas as especies diúrnas ibéricas elaborada con fotos cedidas desinteresadamente por máis de cen autores. O libro é unha homenaxe a Gabino Martín Toral, un compañeiro do mundo das bolboretas que faleceu o pasado ano de ELA (esclerose lateral amiotrófica). Todos os beneficios obtidos co libro irán destinados á Fundación Miquel Valls, que axuda a enfermos desta doenza.